A subdelegada do Goberno na Coruña agradece aos oleiros e oleiras de Buño a súa defensa do patrimonio cultural galego
01/08/2019
Na súa intervención destaca que a mostra é unha espectacular oportunidade para comprobar a mestura entre a tradición e o contemporáneo
Considera aos artesáns da olería como unha parte importante que sustenta a nosa memoria e a esencia de Galicia
Alerta sobre o crecente desinterese da sociedade na defensa dos oficios populares e defende o seu valor cultural e económico
A subdelegada do Goberno na Coruña, Pilar López-Rioboo, amousou hoxe o seu agradecemento aos oleiros e oleiras na defensa do patrimonio cultural, segundo indicou no transcurso na inauguración da XXXVI Mostra de Olería de Buño.
No acto a subdelegada do Goberno estivo acompañada polo alcalde de Malpica, Walter Pardo Añón; o vicepresidente da Deputación da Coruña, Xosé Regueira; a directora xeral de Comercio e Consumo, Sol María Vázquez Abeal; a presidenta da Asociación Oleira de Buño, Carmen Isabel Labrador Fariña; e o presidente da FEGAMP e alcalde do Barco de Valdeorras, Alfredo García Rodríguez.
Na súa intervención Pilar López-Rioboo recordou que a mostra da olería é o escaparate por excelencia para amosar o mellor de Buño e que representa unha oportunidade única e espectacular para comprobar a mestura entre a tradición e o contemporáneo e para conxugar arte con tradición.
También destacou que desde os poderes públicos existe unha responsabilidade coa obra e co traballo de todas as persoas que axudaron a construir Galicia, “e sen dúbida os oleiros e oleiras son algunhas desas persoas na que se sustenta a nosa memoria, a esencia de Galicia feita arte, esencia na que atopamos a universalidade do noso país”, remarcou.
A subdelegada do Goberno incidiu na importancia da actividade económica da olería, sen a que non se entendería Buño, xa que a localidade é un dos máis importantes centros da cerámica galega.
Pero ademáis da propia importancia económica para toda a zona e para Galicia en xeral, destacou que a olería permite manter viva a esencia dun pobo, manter vivo un oficio tradicional e defender a herdanza dun pasado que segue tratando de garantir o presente e o futuro de centos de persoas vinculadas a esta actividade.
Por iso, quixo recoñecer o inxente labor dos oleiros e oleiras, “que loitan a diario contra os novos hábitos de vida e contra o desinterese xeral da sociedade que cada vez valora menos os oficios populares”.
Pilar López-Rioboo personalizou o agradecemento polo esforzo desenvolto na presidenta da Asociación de Oleira de Buño e no alcalde de Malpica, como cabezas visibles das centos de persoas que loitan porque a olería siga sendo unha das principais sinais de identidade de Buño, a provincia da Coruña e de Galicia.